III XORNADAS DE AUTOMOCIÓN DE GALICIA

III XORNADAS DE AUTOMOCIÓN DE GALICIA

Os días 9, 10 e 11 de setembro celebramos as III Xornadas de Automoción; acción formativa que se brinda a profesores da familia de Transporte e Mantemento de Vehículos (Automoción).

Impartíronse 5 cursos teórico/prácticos de xornada completa de duración, cada un dos tres días.

Os temas abordados nesta ocasión foron:

1 - FUNCIONAMENTO E DIAGNOSE DE ILUMINACIÓN DE XENON E LEDS - Impartido por Alejandro Jiménez, en representación do fabricante HELLA.

2 - DIAGNOSE CON OSCILOSCOPIO -  Pedro Javier Fernández, en representación de BOSCH, repetiu materia da edición anterior, debido á gran demanda.

3 - BIOCARBURANTES EN AUTOMOCIÓN  - A Facultade de Enxeñeiros de Minas de Madrid foi pioneira no estudo dos biocarburantes. Estes carburantes alternativos suscitaban gran interese nos profesores desta familia profesional. O profesor Alberto Chamas, que está a facer a súa tese doutoral neste campo, foi o encargado de impartir este curso, para o cal tivemos que contar cos laboratorios do departamento de Química. Desde aquí, agradecer a colaboración prestada polo seu xefe de departamento, profesor Codesido.

4 - SISTEMAS ANTICONTAMINACIÓN E DIAGNOSE A través dos GASES DE ESCAPE - Carlos Polonio, representando á empresa CARS MAROBE, na súa liña do bo saber facer, impartiu un tema complexo, que consiste nunha diagnose indirecta do estado da máquina térmica, a través da análise dos gases de escape.

5 - REPARACIÓN DE PLÁSTICOS - A empresa CESVIMAP, creada por MAPFRE para o estudo de métodos e tempos na reparación de vehículos sinistrados, investiga constantemente con novas técnicas e materiais, para a optimización de procesos. Como cabía esperar, o seu formador Federico Carreira sorprendeu aos asistentes cos múltiples segredos na reparación da ampla gama de plásticos que concorren no automóbil.

Por último, agradecer a boa disposición e ánimo da Dirección do Politécnico cara aos organizadores, para que este evento vaia tomando maior entidade ano tras ano.

José Manuel Grille Martínez - Xefe do Departamento de Transporte e Mantemento de Vehículos

Share this post