A Escola Profissional de Braga


Unha mostra da Formación Profesional en Portugal (Segunda parte)

Seguimos con este estudo da situación da Formación Profesional no país veciño analizando o traballo dunha institución de referencia nesta modalidade educativa: a Escola Profissional de Braga. 

A oferta formativa deste centro abarca varios ramas profesionais: Informática, Administración, Automoción, Electricidade e Electrónica, Construción Civil e Sanidade.

A asistencia aos cursos é obrigatoria e, ao igual que sucede en Galicia, admítese un máximo de faltas do 10 %. O alumnado que sobrepase este porcentaxe debe recuperar esas horas, fora do seu horario, supervisadas por unha das tres psicólogas con que conta este centro: a encargada de dar apoio ao estudio; as outras dúas proporcionan terapia emocional ao alumnado, por un lado, e información sobre emprego e acceso a outros estudios, polo outro. O profesorado é o encargado de marcar as tarefas que debe supervisar a psicóloga.

O alumnado debe xustificar, na medida do posible, as súas faltas xa que os que non asistan inxustificadamente deberán recuperar as horas perdidas nos períodos de vacacións: Nadal, Pascua ou no mes de agosto. Aquí é importante resaltar que as psicólogas teñen un horario de traballo e de vacacións diferente do horario do profesorado, polo que a única función deste é fixar as accións de recuperación antes de irse de vacacións.

A cualificación varía dende 0 ata 20, coa seguinte escala de niveis:

    • Insuficiente: 0-9
    • Suficiente: 10-13
    • Bom: 14-17
    • Muito Bom: 18-20

O alumnado que suspenda algunha das materias ten dereito a unha recuperación dentro do período de avaliación. Os que suspendan unha ou varias materias teñen dereito a unha segunda recuperación no que se denomina Momento especial de Avaliación, pero teñen que anotarse en Secretaría e o Equipo Docente valora as disciplinas ás que se pode presentar en función do número de suspensos, para non someter ao alumnado a obxectivos inalcanzables. Se aínda así non superan algún módulo, teñen outra convocatoria extraordinaria en setembro.

Ao igual que nós, teñen un período de prácticas en empresas: Formação em Contexto de Trabalho (FCT). Ten que durar un mínimo de 650 horas e pódese distribuír en dous cursos. Na Escola Profissional de Braga fan a FCT ao rematar o segundo curso (36 días laborables) e terceiro (52 días laborables).

Como sucede nos nosos ciclos superiores, os estudios culminan coa presentación dun proxecto, a Prova de Aptidão Profissional (PAP). Este proxecto lévase a cabo durante o terceiro ano baixo a dirección dun profesor ou profesora que ten ou tivo docencia no grupo. Debe evidenciar as competencias adquiridas ao longo da formación e da lugar a proxectos tan interesantes como un kart que deseñou un alumno de Mecatrónica do Automóbil, unha máquina para refrixerar canas de cervexa dun alumno de Frío e Climatización ou a organización completa dun evento por parte de alumnado de Secretariado.

Este proxecto debe redactarse e presentarse perante un tribunal composto por cinco persoas: o docente que dirixiu o traballo, a persoa titora do grupo, o docente de portugués e dúas persoas de empresas externas.

Finalmente, acadan o Certificado Profissional de Nível IV e na Escola Profissional de Braga, ao igual que nós, celébrano cunha cerimonia de entrega de diplomas.

Con este certificado poden traballar por conta allea ou establecerse pola súa conta coa axuda da psicóloga de orientación en cuestións de emprego. Dispoñen dun servizo similar ao noso Viveiro de Empresas que se chama Incubação de Empresas.

Se queren continuar estudando, poden acceder á Universidade con este certificado, facendo os correspondentes Exames Nacionais (como a nosa selectividade), pero unicamente de dúas materias científicas, dependendo da carreira á que queiran optar. Neste momento, o goberno está estudando a posibilidade de que teñan acceso directo.

Tamén poden cursar os chamados Cursos Técnicos Superiores Profissionais (CTeSP), que son cursos de especialización tecnolóxica, que veremos nunha seguinte entrega.

Share this post