POLÍTICA DE CALIDADE

A Política de Calidade é o conxunto de intencións globais e a orientación do noso centro relativas á calidade, expresadas formalmente pola Dirección. Todo o Centro (alumnado, profesorado, persoal non docente e pais e nais) ten palabra na determinación da Política de Calidade polo que convidámoste a participar coa túa opinión a través da caixa de suxestións. Contribuirás deste xeito á mellora do noso sistema de xestión da calidade.

Con data 04 de xullo de 2017, AENOR, Asociación Española de Normalización e Certificación, voltou a certificar que o CIFP Politécnico de Santiago dispón dun sistema de xestión da calidade consonte coa Norma UNE-EN-ISO 9001:2015 para as actividades de impartición de formación profesional inicial (en réximen ordinario e en réximen das persoas adultas) de grao medio e grao superior nas familias profesionais de Electricidade e Electrónica, Fabricación Mecánica, Transporte e Mantemento de Vehículos, Química, Madeira, Moble e Cortiza, Enerxía e Auga, Instalación e Mantemento e Seguridade e Medio Ambiente así como o proceso de acreditación de competencias. Prema sobre a seguinte ligazón para acceder á correspondente certificación:

 


A Rede de Centros Integrados de Formación Profesional de Galicia, ten unha implicación e un compromiso claro coa calidade, como se retrata na nosa Misión, Visión e Valores. 

Misión

Descríbese nos seguintes puntos:

    • Establecer unha oferta de formación profesional modular, flexible, de calidade e adaptada ás demandas da poboación e ás necesidades xeradas polo mundo produtivo, proporcionando servizos para a cualificación e a recualificación das persoas ao longo da vida.
    • Participar no procedemento para o recoñecemento, a avaliación e a acreditación de competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da experiencia laboral e de vías non formais de formación no marco do Sistema Nacional das Cualificacións e da Formación Profesional. 
    • Prestar servizos de información e de orientación profesional ás persoas para tomar as decisións máis axeitadas respecto da súa carreira profesional.
    • Establecer un espazo de cooperación entre o sistema de formación profesional e o ámbito produtivo sectorial e local, para desenvolver e estender unha cultura da formación permanente.
    • Fomentar a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, con especial incidencia na erradicación de prexuízos. 
    • Facilitar o acceso da mocidade ao primeiro emprego, así como a conservación e  mellora do posto de traballo dos traballadores e das traballadoras, mediante unha oferta formativa de calidade que promova a aprendizaxe permanente e a capacidade de adaptación aos cambios sociais, organizativos e tecnolóxicos. 
    • Impulsar e mellorar as aptitudes e as competencias do alumnado, promovendo proxectos de iniciativa emprendedora, mobilidade, perfeccionamento profesional e cooperación, nun contexto internacional.

Visión

Como Centros Integrados de Formación Profesional proporcionaremos unha formación integral ao noso alumnado que lle facilite a participación activa e responsable como cidadáns, polo que ofreceremos unha oferta formativa completa e de calidade que conduza á obtención de títulos de formación profesional e á acreditación das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, atendendo as necesidades que demande o mercado laboral e consolidando vínculos con todas as empresas do contorno. 


Valores

Orientamos as nosas accións para:

    • Fomentar valores de convivencia, cooperación e respecto.
    • Ofrecer uns servizos educativos de calidade. 
    • Mellorar continuamente a calidade dos servizos prestados, a través da innovación e o traballo en equipo, para crear valor aos nosos usuarios mediante un sistema de calidade total co compromiso de cumprir cos requisitos do sistema e de mellorar continuamente a súa eficacia. 
    • Lograr a satisfacción da comunidade buscando atender as súas necesidades e adiantándonos ás súas expectativas, observando o cumprimento da misión, visión e valores da institución.
    • Ofrecer as cualificacións profesionais requiridas para dar resposta ás necesidades e demandas do noso ámbito socioeconómico.
    • Optimizar os recursos públicos dispoñibles, fundamentados nas tecnoloxías da información e da comunicación, para reproducir procesos sustentables, cun profesorado formado tanto na didáctica coma nas innovacións tecnolóxicas. 
    • Fomentar o espírito emprendedor e o desenvolvemento de actividades empresariais. 
    • Contribuír ao logro das actuacións e os obxectivos de calidade establecidos no Plan estratéxico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. 
    • Desenvolver vínculos co sistema produtivo do contorno (sectorial, comarcal ou local) nos ámbitos seguintes: 
    • Formación do persoal docente de formación profesional.
    • Formación do alumnado en centros de traballo e realización doutras prácticas profesionais.
    • Orientación profesional.
    • Participación de profesionais do sistema produtivo na impartición de docencia. 
    • Colaboración na detección de necesidades de formación permanente dos traballado-res e das traballadoras, así como na información e orientación das persoas usuarias, tanto a título individual como colectivamente.

Esta Política de calidade servirá de marco de referencia para establecer e revisar o Plan estratéxico e os obxectivos de calidade. 

A subdirección Xeral de FP de  Galicia  revisará, polo mínimo unha vez ao ano, para verificar a súa adecuación á forma real de traballo da Rede de Centros Integrados de Formación Profesional de Galicia. 

Co fin de que sexa coñecida por todo o persoal dos centros, a Política de Calidade exporase publicamente nas instalacións dos CIFP e divulgarase por calquera outro medio. 

Santiago de Compostela, a 1 de setembro de 2021

Carlos Vázquez Mariño

Subdirector Xeral de Formación Profesional