16 de xaneiro de 1967

50 Aniversario: 16 de xaneiro de 1967

 

O día 16 de xaneiro do presente ano 2017, cúmprense os 50 anos do traslado do alumnado da denominada naquel momento “ESCUELA DE MAESTRÍA INDUSTRIAL”, do edificio de San Clemente (edificio no que se viñan impartindo as ensinanzas de Formación Profesional dende o ano 1952) ao edificio actual situado, no que naquel momento se coñecía, como Monte de Conxo. Dito traslado tivo lugar tamén un luns 16, pero nese caso do ano 1967.

Entre eses alumnos estábamos dous rapaces que co pasar dos anos chegamos, primeiro a profesores do centro e posteriormente a ocupar os cargos actuais de secretario e director. Ambos lembramos con especial cariño esa data, non so por vivila en primeira persoa e pola importancia que tivo na nosa traxectoria tanto persoal como profesional, senón porque supuxo un impulso definitivo para o desenvolvemento da Formación Profesional para a nosa cidade e para toda Galicia, como reflicte o artigo que con motivo da inauguración oficial celebrada o 19 de agosto dese ano 1967 publicou o diario ABC.

Parece que a historia do noso centro está especialmente ligada ao mes de xaneiro (non sabemos si por aquela frase de “ano novo vida nova”), porque como se recolle no “El Compostelano”,  diario da época na nosa cidade, foi tamén nun mes de xaneiro, pero neste caso do ano 1933 cando se abriu a matrícula para a denominada “Escuela de Trabajo de Santiago”, que se inaugurou o 5 de marzo de 1933, abrindo o camiño á Formación Profesional na nosa cidade e en Galicia, camiño que comezou con trinta prazas para todo Santiago e que neste momento, so no noso centro, superan as 1300 prazas.

Tanto o secretario como eu mesmo, sentimos un profundo orgullo por ser alumnos deste centro. Para os dous é ademais unha honra pertencer ao Claustro dun centro no que comezamos a nosa vida profesionalmente, e a ambos nos gustaría que eses mesmos sentimentos fosen compartidos; tanto polos miles de alumnos que coma nos comezaron a forxar o seu futuro persoal e profesional nas aulas e talleres do mesmo, como polo persoal docente e non docente, que durante estes 84 anos, dunha forma ou doutra contribuíron ao seu desenvolvemento e engrandecemento.

Queremos mostrar un especial recoñecemento aos milleiros de alumnos que se formaron neste centro ao longo destes 84 anos, xa que, co seu traballo contribuíron dende tódolos ámbitos; educativos, empresarial, etc. , a facer unha Galicia mellor e máis próspera.

Para nos, e gustaríanos que para todos os galegos, é un motivo de alegría; tanto o 50 aniversario deste emblemático edificio como o 84 aniversario deses primeiros e inseguros pasos da Formación Profesional en Santiago e en Galicia.