Encontro de Emprendemento

Convocada a 5ª edición do Encontro de Emprendemento PONT-UP STORE, único evento galego onde se reúnen emprendedores, profesionais, estudantes, inversores, institucións, empresas, patrocinadores e medios de comunicación, para apoiar a innovación, a colaboración, a formación, o financiamento e o emprendemento creativo.

Ten tres modalidades de participación: presentar un emprendemento nun dos 33 stands gratuítos dispoñibles; propoñer actividades demostrativas dentro do programa; e participar no Puntazo Exprés no que 10 empresas serán seleccionadas para explicar en 5 minutos o seu emprendemento a 4 escoitantes, representantes de importantes empresas e entidades galegas, coa novidade de que este ano as presentacións serán abertas ao público e haberá tempo para a réplica por parte das escoitantes.

O Pont-Up Store está promovido pola Universidade de Vigo (Campus de Pontevedra) e conta co patrocinio principal do Concello de Pontevedra e outras entidades públicas e privadas.

Celebraráse os días 20, 21 e 22 de setembro na Praza de España de Pontevedra. É un evento multisectorial con proxectos que proveñen dun gran abano de sectores de actividade procedentes tanto do ámbito urbano coma do rural cunha gran calidade contrastada derivada dun rigoroso proceso de selección das numerosas candidaturas recibidas cada edición.

As candidaturas poderanse presentar a unha ou varias modalidades desde o 29 de maio ao 8 de xullo a través da web www.pontupstore.com. A decisión do comité organizador farase pública o 24 de xullo.