O Centro

Presentación

O CIFP Politécnico de Santiago, situado na avenida Rosalía de Castro, 133, desde 1967 acolle a diario a uns mil alumnos e alumnas que cursan estudos en seis familias profesionais: Electricidade e Electrónica, Fabricación Mecánica, Instalación e Mantemento, Madeira, Moble e Cortiza, Química e Transporte e Mantemento de Vehículos.

Normas de Organización e Funcionamento - NOF

Nestas Normas de Organización e Funcionamento (NOF) establécense as normas específicas para o funcionamento do Centro Integrado de Formación Profesional Politécnico de Santiago, baseadas na normativa vixente. Este documento atende aos principios de eficacia e calidade na educación, de organización, respecto dos dereitos e liberdades fundamentais, de prevención e tratamento das situacións conflitivas no Centro e de recoñecemento ao profesorado. Este NOF é de aplicación para toda a comunidade educativa que pertenza ao CIFP Politécnico de Santiago e poderá ser modificado cando as circunstancias así o requiran.

Plan de Convivencia

O plan de convivencia do Centro é o documento no que se articula a convivencia escolar, que garante unha educación no exercicio dos dereitos e das liberdades dentro dos principios democráticos de convivencia, así como na prevención de conflitos e a súa resolución pacífica. Este plan de convivencia foi elaborado pola comisión de convivencia e aprobado polo consello social do 29 de setembro de 2017.

Guía do Alumnado 2018-19

Dámosvos a benvida ao noso centro, que vai ser o voso durante os próximos dous cursos. Desexamos que esta nova etapa académica que agora comezades se converta nun referente na vosa vida profesional e que contedes coa nosa colaboración para calquera inquietude, suxestión ou problema que vos poda xurdir. Na seguinte ligazón teredes acceso á Guía do Alumnado do CIFP Politécnico de Santiago na que encontraredes toda a información relevante para facilitarvos esta nova etapa da vosa vida escolar.

Proxectos de Innovación

Os continuos e rápidos avances tecnolóxicos que se están a dar na sociedade e no mercado laboral esixen unha formación profesional en permanente evolución, integradora de novas ideas e tendencias e con capacidade para adaptarse as cambiantes necesidades do mundo produtivo. A innovación tecnolóxica na formación profesional deberá permitir a transformación do coñecemento e da creatividade na mellora de procesos, produtos ou servizos que podan supoñer un incremento da competitividade das nosas empresas, á vez que facilitará unha formación de calidade, na que galegos e galegas vexan mellorada a súa empregabilidade e as súas posibilidades de proxección e inserción profesional.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pretende impulsar a aparición de iniciativas e proxectos innovadores no ámbito da formación profesional, entre outras accións, mediante a convocatoria de premios a proxectos de innovación tecnolóxica ou científica e proxectos de innovación didáctica. A continuación encontraredes información daqueles proxectos de innovación nos que participou o noso Centro.

Visita Virtual

Por medio da seguinte visita virtual accederedes a todas as dependencias do CIFP Politécnico de Santiago. Premendo sobre as distintas aulas do plano visualizaredes diferentes fotografías das dependencias do noso Centro.

Actividades

O noso Centro pretende combinar a formación reglada do alumnado con numerosas actividades complementarias e extraescolares que contribúan a crear o mellor aproveitamento académico e un entorno de aprendizaxe axeitado.

Plan Anual (só usuarios rexistrados)

A partir do plan de actuación dos centros integrados de formación profesional, cada CIFP elabora un Proxecto funcional de centro no que se establecen os obxectivos previstos e actuacións prioritarias, o sistema organizativo, os procedementos de xestión baseados nun sistema de mellora continua, as programacións didácticas e o plan de orientación profesional que incluirá, entre outros, o plan de acción tutorial. Tomando como base o Proxecto funcional, deséñase e desenvolve o Plan anual de centro, que incluirá as directrices do plan de actuación, o desenvolvemento dos obxectivos e as accións prioritarias do proxecto funcional, así como os procedementos para o cálculo dos indicadores para o cumprimento dos obxectivos, orzamento, os plans anuais dos departamentos e órganos de coordinación.