Campionato estatal de Formación Profesional

A Formación Profesional de Santiago brillou na recente convocatoria Skills 2018, os campionatos galegos destas ensinanzas, conseguindo 9 medallas. Destacou sobre A Coruña e Lugo, que o seguiron, con 6; e Vigo, 5.

O alumnado do Centro Integrado de Formación Profesional Politécnico de Santiago gañou catro medallas de ouro e unha de prata en  Skills 2018. Impúxose nos tres títulos de electricidade e electrónica.

Pablo Chico Segade foi ouro en Control industrial. Estuda o último ano de Automatización e Robótica Industrial. Este mes finalizou no Politécnico. Continúa o próximo semestre en Finsa, nunha nova modalidade da FP Dual. "Este ciclo prepara para traballar na industria. Aprendes o control e a automatización de máquinas e de procesos industriais por sistemas informáticos, que esixen unha formación continuada, porque a informática non deixa de avanzar", explica.

Esteban Romeu Liñares gañou en Instalacións Eléctricas. Estuda o ciclo superior desta titulación, antes cursou o ciclo medio. A formación "é moi práctica. Aprendemos a facer instalacións interiores en vivendas, de electricidade e telecomunicacións; traballamos con datos, telefonía, automatismos, seguridade en alarmas, domótica e nas normativas e regulamentos vixentes; e hai moito traballo con planos, con ordenador", asegura.

Miguel  Messina Añón foi ouro en Electrónica. Está a acabar os estudos de Mantemento Electrónico, un ciclo onde aprende a facer reparacións "para trabajar de técnico de mantenimiento de la industria, asegurar que las máquinas no fallan. Acabo en marzo y después tengo prácticas en empresa hasta junio. Al acabar me plantearé el futuro". Considera que el Politécnico "debería actualizar más el material para formación en este ciclo, acorde a la evolución de la industria".

Alberto Vidal Lado venceu en Soldadura. É un ciclo "moi práctico, aprendes moitas habilidades. Está orientado para traballar nunha empresa, e o Politécnico ten instalacións bastante actualizadas para esta formación". 

O seu futuro dependerá das prácticas, e "aproveitarei para traballar se me ofrecen algunha oportunidade interesante", avanza.

Mateo Rodríguez Rodríguez foi medalla de prata en Tecnoloxía do automóbil. Estuda o ciclo superior, antes fixo o medio. VAI realizar prácticas en Finsa, como Pablo. Destaca que "nestes estudos aprendes a reparar todo o que se che poda ocorrer dun vehículo, e mantemento de maquinaria máis pesada."

Fonte: Joel Gómez (La Voz de Galicia)
Fotografía: Sandra Alonso

Share this post