Celebración do Acto de Conmemoración

Onte realizamos no noso centro o acto en conmemoración do Día Internacional das Mulleres, este ano cunha convocatoria de especial relevancia porque ademais de reclamar a igualdade aínda non acadada se reivindica o papel da muller na sociedade e a repulsa á  invisibilidade histórica soportada. Contamos coa  participación tanto de profesorado como alumnado, que procederon á lectura de diversos textos.

Abriuse o acto cunha introdución sobre os obxectivos do día e un repaso da cronoloxía histórica resaltando algunhas figuras femininas que supuxeron un cambio na historia e  un avance na sociedade.

A continuación procedeuse á lectura de diversos artigos e poemas para reflexionar sobre a necesidade, máis que dun cambio de leis, dun cambio de mentalidade e hábitos para poder avanzar na igualdade e sobre o matriarcado oculto que foi Galicia resaltando a Rosalía como figura representativa daquela realidade e das mulleres loitadoras na sombra.

De seguido, foron lidos por parte de profesores e alumnos un manifesto sobre a proclama da igualdade e a necesidade de traballar xuntos na construción dun mundo máis xusto.

O acto concluíu   con  outra reflexión sobre o feito de que esconder a cabeza coma un avestruz para non ver un problema aínda latente  non resolve nada e cun  poema dedicado  a esas nais traballadoras e loitadoras.

Porque nos necesitamos e PORQUE SI AS MULLERES PARAN TAMÉN PARA O MUNDO.

Se premes na seguinte ligazón accederás a unhas fotografías e aos vídeos do evento.